Lee un resumen rápido generado por IA
A rede de tendas Eroski e Autoservicios Familia ten á venda desde hoxe unhas lentes solidarias para ver a eclipse solar do próximo 12 de agosto, grazas a unha colaboración entre a compañía galega de distribución alimentaria Vegalsa-Eroski e a Fundación ENKI. O produto está dispoñible a un prezo de tres euros a unidade e todo o recadado irá destinado a apoiar o labor social da entidade, centrada en promover a inclusión e a eliminación de barreiras sociais a través do deporte e o lecer.
Deseñadas cunha estética colorida e baixo o lema ‘Se alén de ver a eclipse mellor, che gustaría ver un mundo mellor, estas son as túas lentes’, as lentes foron desenvoltas baixo criterios de seguridade e sostibilidade. O produto está certificado por ICS Laboratories, conforme aos estándares internacionais de seguridade, e conta con certificación FSC, que garante o uso de papel procedente de bosques europeos xestionados de forma responsable.
Desde Vegalsa-Eroski explican que esta iniciativa ofrece aos seus clientes a posibilidade de desfrutar da eclipse solar dunha forma segura e solidaria. Ademais, recalcan que este fenómeno terá unha boa visibilidade precisamente nas comunidades nas que a compañía ten establecementos: Galicia, Asturias e Castilla y León.
Por parte da Fundación ENKI, trasladan o seu agradecemento a Vegalsa-Eroski por estar sempre disposto a colaborar e axudar a ver o mundo con outra mirada. Explican que, nesta ocasión, fano ofrecendo aos seus clientes un produto que lles permite desfrutar dun evento único e contribuír á súa vez a que cada día máis persoas poidan desfrutar do deporte inclusivo.
Unha década de alianza pola inclusión
Esta acción enmárcase na colaboración anual que manteñen Vegalsa-Eroski e Fundación ENKI, a cal renovaron por décimo ano consecutivo co obxectivo de traballar xuntas en iniciativas orientadas a fomentar a inclusión social.Entre estas accións destaca o apoio e a participación na Carreira ENKI, onde a compañía patrocina un dos obstáculos do percorrido. Ademais, Vegalsa-Eroski tamén colabora coas xornadas de sensibilización en discapacidade que a entidade realiza en colexios. Grazas a estes proxectos, Fundación ENKI segue rompendo mitos e barreiras sobre a discapacidade e visibiliza o poder do deporte e o lecer como motor de inserción social.
Consulta más información responsable en las publicaciones Corresponsables y en el Espacio de Vegalsa-Eroski en Organizaciones Corresponsables.


